Allariz, un dos destinos favoritos polos internautas en 2020 segundo o portal Atrápalo

luns, 13 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O casco histórico de Allariz nunha imaxe de Santi M. Amil

Atrapalo.com, o popular portal de venda online de viaxe e experiencias, comezou o ano facendo balance dos destinos que máis protagonismo van ter neste 2020: os preferidos polos internautas que están a preparar xa os seus itinerarios (ou a preparar a preparación). Entre os puntos turísticos que máis popularidade van ter este ano atópase o concello galego de Allariz.
Así se fai saber no Estudo de hábitos e tendencias de turismo 2020, un dos principais informes sobre os gustos e as preferencias dos/das viaxeiros/as españois no período 2019-2020.
A investigación, segundo reflicte o Concello de Allariz, achega dúas partes: unha na que prevé os lugares que serán protagonistas nos vindeiros doce meses e un segundo que permite descubrir os destinos máis vendidos durante o ano 2019, así como as preferencias dos turistas á hora de elixir aloxamento. No que se refire ás tendencias turísticas para o 2020, no apartado de escapadas nacionais, Allariz ocupa o terceiro posto na lista dos dez primeiros destinos predilectos para facer unha escapada.
Amais de Allariz, entre as localidades recoñecidas este ano como “destinos idóneos para unha viaxe curta” en territorio estatal de entre unha e tres noites, atópanse as seguintes: Rodellar (Huesca), San José (Almería), Villa de Valverde (El Hierro), Comillas (Cantabria), Taramundi (Asturias), Guadalupe (Extremadura), Almagro (Ciudad Real), Villafamés (Castellón) e Beget (Gerona).


PUBLICIDADE