Aliens: Colonial Marines déixase ver nun novo trailer

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O 12 de febreiro chegará ás tendas en versións para PlayStation 3, Xbox 360 e PC (plataforma para a que tamén estará dispoñible mediante descarga) o xogo Aliens: Colonial Marines, que máis adiante tamén contará con versión para Wii U, e que promete converterse nun dos mellores xogos inspirados no universo creado nas películas de Aliens e, moi especialmente, no segundo filme da saga. Este novo xogo permitirá formar parte dun grupo de Marines Coloniais dos EE.UU. considerados os militares máis duros da galaxia, que deberán sobrevivir e exterminar unha praga de xenomorfos.
Como garantía da calidade deste xogo temos que o equipo que corre co seu desenvolvemento é Gearbox, responsables de éxitos como Borderlands e Brothers in Arms. A historia pretende ser unha secuela da Aliens de James Cameron, desenvólvese en contornos coñecidos das películas (como Hadley’s Hope, a Sulaco e LV-426), empregaranse as mesmas armas que nos filmes (rifles de pulsos, sensores de movemento e lanzachamas), poderanse adqurir melloras e aumentos e terá como fortaleza un modo cooperativo con incorporación inmediata de xeito que o xogador pode contar coa axuda dos seus amigos para formar partidas de ata 4 usuarios para gozar xuntos do modo campaña.
Para dar a coñecer o que ofrecerá este novo xogo veñen de publicar un trailer subtitulado en español no que vemos aos Marines Coloniais en acción:

PUBLICIDADE