Alexa abre a porta ás comunicacións mediante Skype con dispositivos Echo

luns, 19 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Os dispositivos de Amazon que integran o asistente virtual de Alexa están a incorporar unha funcionalidade especialmente práctica, que agradecerán moitos dos usuarios e que tamén pode converterse nun grande argumento de venda, xa que dende hoxe permiten realizar chamadas de voz e/ou vídeo a través de Skype, aínda que, polo momento, a funcionalidade botou a andar só nos EE.UU., Reino Unido, Irlanda, Canadá, India, Australia e Nova Zelandia.
A estrea desta funcionalidade antes da campaña de Nadal semella unha decisión crucial á hora de animar aos consumidores a facerse cun altofalante Amazon Echo, ou incluso nun dos dispositivos de Amazon como o Echo Spot (que inclúe pantalla e cámara) de xeito que temos unha magnífica ferramenta para poder realizar chamadas de voz a través da Rede, videochamadas e incluso chamadas telefónicas (de feito, para celebrar a estrea desta nova prestación están a agasallar con 200 minutos de balde de chamadas telefónicas a 34 países).
Que os membros dunha familia poidan comunicarse simplemente dicindo «Alexa, llama a mamá por Skype» é algo que será moi ben recibido en certos contornos nos que prefiran sistemas de mans libres que interactuar con pantallas táctiles, e que esta comunicacións tamén poidan realizarse mediante o vídeo, aínda ten un atractivo maior, xa que non será preciso que ambos interlocutores conten con dispositivos de Amazon, senón que a comunicación poderá establecerse con calquera usuario de Skype.
Cómpre salientar que esta semana Amazon está a celebrar o Black Friday con ofertas que afectan aos produtos Echo, de xeito que o máis básico de todos, o Echo Dot, pode adquirirse por 34,99 euros, o que é un prezo bastante axustado que animará a moitos a facerse cun destes trebellos en vista de que poderá empregalo no futuro para conversar dun xeito cómodo e sinxelo con amigos e familiares.

Os distintos dispositivos Echo de Amazon permiten realizar chamadas de voz e/ou vídeo mediante Skype

PUBLICIDADE