Álex de la Iglesia certifica nos Goya a súa postura a favor da Internet

luns, 14 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Álex de la Iglesia durante o discurso na gala dos Premios Goya

A noite dos Goya, celebrada este domingo, foi algo máis que unha noite de celebración do cinema estatal. Foi unha ocasión para o debate acerca dos límites das liberdades sobre o acceso ao coñecemento nas redes, incluíndo neste paquete as longametraxes, as curtas, os documentais e calquera outra achega de expresión audiovisual que estea suxeita a protección. Como era de agardar, houbo división de opinións. Se temos en conta quen gañou e quen non, quen foi castigado polo xurado e quen non, é probable que finalmente se impuxeran os partidarios da blindaxe máis férrea do cinema. álex de la Iglesia, representante máis ou menos informal da outra vía, a de buscar novos xeitos de promoción e distribución nas redes que satisfagan a todo o mundo (industria, actores, directores e seareiros), gañou só dous premios polo seu filme Balada triste de trompeta, por outra banda favorita. Iso si, non desaproveitou a ocasión para romper unha lanza a favor dos usuarios comúns da Rede. “Os internautas son xente, son cidadáns, son o noso público; Internet é a salvación do noso cinema”, dixo o director vasco, quen acudiu á gala como principal representante da Academia do Cine.
No seu discurso houbo argumentos incompatibles coa estratexia que promove o Goberno, a través da lei Sinde (que por certo rexurde), e que apoia unha boa parte dos directores e produtores: “Din que abrín unha crise. Crise en grego significa cambio. Precisamos unha crise, un cambio. Non hai marcha atrás. As regras do xogo cambiaron; Internet non é o futuro, é o presente". Quen si que saíu ben parada da noite dos Goya foi Pa Negre, de Agustí Villaronga, que obtivo nove premios, entre os que se inclúe o de mellor película e mellor director. Con todo, Alex de la Iglesia non estivo só. Fóra do Teatro Real de Madrid, e nos intres previos ao comezo da gala, un grupo dunhas 200 persoas emitiron proclamas contra a lei Sinde, chamada así pola súa procedencia (vén da man de Ángeles González-Sinde, ministra de Cultura), entre cousas dirixida a rematar co libre fluxo de contidos audiovisuais na Rede e permitir o peche de aquelas páxinas web que dean acubillo a portas de entrada aos servizos de descarga.


Discurso de Álex de la Iglesia na gala dos Goya

PUBLICIDADE