Alén Space e os grupos EQ10 e Photonics4life, Premios de Transferencia Tecnolóxica 2019

mércores, 13 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), deu a coñecer hoxe as identidades da nova empresa e os grupos de investigación galegos gañadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, edición 2019. Os galardóns, que veñen de chegar á súa quinta edición cunha dotación de 6.000 euros para cada unha das súas categorías (tres), recoñecen este ano o labor dos grupos EQ10 da Universidade de Vigo (centrado en acadar novos biodeterxentes) e Photonics4life da Universidade de Santiago (polos seus traballos en modelos 3D) e da spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, na vangarda do desenvolvemento de nanosatélites (Alén Space foi co-responsábel do lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia).
Estes recoñecementos serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 11 de decembro.

As e os integrantes do grupo EQ10 da Universidade de Vigo

O Premio Fernando Calvet Prats é para o grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo, por “presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial”. Segundo explican dende a RAGC, o equipo gañador descubriu a presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo, con aplicacións en produtos e solucións para os ámbitos cosmético, farmacéutico, agroquímico e medioambiental. “A proposta do grupo EQ10 supón non só unha alternativa de baixo custo, e tamén máis biocompatíbel e eficaz, aos deterxentes sintéticos, senón tamén unha oportunidade para reutilizar as grandes cantidades de residuos producidos no procesado do millo e, polo tanto, reducir a pegada ambiental deste tipo de industrias”, explica a RAGC.

O grupo Photonics4life da USC

Na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptíbel de ser aplicada ao sector empresarial, o galardoado é o grupo de investigación Photonics4life da Universidade de Santiago de Compostela. O Premio Francisco Guitián Ojea correspóndelle ao seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiábel. En palabras da RAGC, “a proposta do grupo da USC consiste en elaborar estes modelos mediante tecnoloxía láser 3D, que fai posíbel unha fabricación rápida e moi precisa, cun custo menor en relación a outras técnicas e coa opción de usar como base diferentes materiais, como vidros, polímeros ou materiais flexíbeis”. Ademais, engade a entidade, o láser permite obter estruturas con dimensións desde a micra ata o milímetro, de maneira que se pode reproducir desde un diminuto capilar sanguíneo ata unha bifurcación coronaria.
Pola súa banda, a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space é a galardoada co Premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. “A súa aposta temperá pola fabricación de nanosatélites permítelles estar ben emprazados nun mercado que se prevé que alcance os 5.200 millóns de euros no ano 2021”, explica a RAGC, engadindo (sobre as orixes da iniciativa) que Alén Space naceu para comercializar os resultados da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, creada para o deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español, o Xatcobeo, lanzado ao espazo en 2012. A finais de 2018, puxo en órbita o LUME-1, un satélite que apoia a loita contra os incendios. Na experiencia do equipo científico que está detrás da empresa figura a colaboración con misións espaciais da NASA e da Axencia Espacial Europea (ESA).
“Os nanosatélites que fabrica esta spin-off permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais”, destacou o xurado, salientando tamén que “os custos destes pequenos dispositivos poden ser ata cen veces menores cós dos satélites convencionais, por iso son accesíbeis economicamente tamén para empresas”. Ademais, engádese, Alén Space garante os máis rigorosos niveis de calidade, baixo os estándares da ESA.

PUBLICIDADE