Alcatel pon á venda nos EE.UU. unha tableta 4G a 129,99 dólares

venres, 22 de abril do 2016 Marcus Fernández

Dende que a chinesa TCL fíxose coa marca Alcatel conseguiu que os dispositivos OneTouch conseguisen unha boa aceptación comercial, con deseños coidados e prezos axustados, que en EE.UU. están a destacar tamén, como co último produto incorporado ao catálogo de T-Mobile, a tableta Alcatel OneTouch Pop 7 LTE, que sorprende por ofrecerse a un prezo de 129,99 dólares (115,78 euros), sendo incluso posible pagalo en 24 prazos, o que resulta moi atractivo por tratarse dunha tableta con banda larga móbil.
O Alcatel OneTouch Pop 7 LTE sería unha tableta cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles (con recubrimento oleofóbico), procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 1,1 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, sistema operativo Android 6.0, batería de 3.240 mAh e conectividade LTE categoría 4 (ou sexa, con velocidades de descarga de até 150 Mbps).
Estamos así ante un produto que parece dirixido para os que non están conformes cos smartphones con pantallas de 5,5 polgadas, e prefiren empregar un smartphone cun tamaño máis compacto, mentres que para usos intensivos da Rede en mobilidade prefiren unha pantalla máis grande sen sacrificar certa portabilidade.

PUBLICIDADE