Alcatel achega a realidade virtual a Windows 10 Mobile

mércores, 2 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft deixou de lado a súa familia de smartphones Lumia, non abandonou totalmente a versión móbil de Windows 10, e así vén de dar conta do lanzamento do Alcatel Idol 4S, teléfono que non só pode tirar proveito de tecnoloxías como Continuum, Cortana e Windows Hello, senón que tamén destaca por incluír un casco de realidade virtual, buscando así facilitar que os usuarios poidan gozar de vídeos en 360 graos e videooxogos en tres dimensións.
Este novo teléfono que sae á venda nos EE.UU. este mesmo mes a 469,99 dólares, funciona con Windows 10 Mobile, está equipado cunha pantalla AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 GB), cámaras de 21 e 8 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais (compatible con Windows Hello), potentes altofalantes e batería de 3.000 mAh con carga rápida a través de USB-C.
Estamos ante unha curiosa revisión dun smartphone con Android que contaba con prestacións máis reducidas, aínda que cunha pantalla de maior resolución, polo que enténdese que os interesados na realidade virtual poderían estar máis interesados na versión anterior (que tamén é 70 dólares máis barata), mentres que o novo terminal de Alcatel sería moi atractivo para os que queiran gozar de Continuum a un prezo asumible.

O smartphone inclúe un casco para poder gozar da realidade virtual

Vídeo co que anuncian nos EE.UU. o lanzamento do Alcatel Idol 4S con Windows 10

PUBLICIDADE