Alcaltel trae a España unha tableta que integra o Asistente de Google

venres, 15 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Hai uns meses soubemos da Lenovo Smart Tab M10, unha tableta que podía colocarse sobre unha base con altofalantes para funcionar en mans libres con Alexa, e agora chega a España a tableta Alcatel 3T 10, unha proposta semellante que en vez de apostar polo asistente de voz de Amazon opta polo de Google.
A tableta ten unha pantalla IPS de 10 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador MediaTek MT8765B con 4 núcleos, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB, cámaras de 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, conectividade 4G, GPS e batería de 4.080 mAh, ou sexa, un produto cunha configuración moi discreta, pero dabondo para a reprodución de vídeo e, especialmente, para funcionar como un asistente de voz con pantalla, para o que xoga un papel moi importante a base (opcional) Audio Station, que non só serve para empregar como base-altofalante da tableta de Alcatel, senón que tamén conta con entrada minijack e Bluetooth para poder funcionar de altofalalante doutros dispositivos e tamén conta con lector de tarxetas microSD (para cargar música).
A Alcatel 3T 10 pode resultar práctica para controla a domótica do fogar, serve para responder preguntas a través de Google, permite crear listaxes da compra e incluso pode utilizarse para escoitar as últimas novas ou preparar unha receita paso a paso. Un trebello moi versátil que véndese a un prezo de 179,99 euros, aínda que tamén pode adquirirse por 229,99 coa estación sonora que mellora considerablemente as súas posibilidades.

A base sonora pode aproveitarse con outros dispositivos diferentes á tableta de Alcatel

PUBLICIDADE