Alberto Jaspe, galardoado polo CPEIG co Premio Proxecto Fin de Carreira
luns, 30 de setembro do 2013
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
vén de fallar o o Premio Proxecto Fin de Carreira, que recaeu
finalmente no investigador Alberto Jaspe Villanueva (A Coruña,
1981), co traballo que leva por título Point
Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes
datasets de nubes de puntos 3D. O
galardoado, informa
o Colexio,
recibirá o premio este venres, día 4, no Hotel-Monumento San
Francisco, en Santiago de Compostela, na quinta edición da Noite
da Enxeñaría en Informática de Galicia.
O
acto de entrega dos premios anuais do CPEIG estará presidido polo
presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A gala
representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta
cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais
e políticos.
Alberto
Jaspe, que estudou na Universidade da Coruña Enxeñaría en
Informática, traballa na actualidade en Italia. Ten 10 anos de
experiencia profesional como desenvolvedor e investigador no campo de
gráficos de computación. Durante 8 anos traballou na UDC como
investigador e, posteriormente, no departamento de I+D da empresa
coruñesa de audiovisuais CEGA por espazo de dous anos. Na
actualidade, con financiamento dunha bolsa europea Marie Curie,
reside desde febreiro en Cerdeña (Italia), onde desenvolve
o seu labor
no centro de investigación CRS4 e fai a súa tese doutoral.
O
traballo premiado, Point
Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes
datasets de nubes de puntos 3D
responde a que as nubes de puntos cada vez son máis utilizadas en
múltiples disciplinas, como a enxeñaría civil, arquitectura,
topografía ou efectos especiais e animación 3D. O proxecto, que
continúa en desenvolvemento, xa recolleu varios premios e
recoñecementos, o que, en opinión do CPEIG, “amosa o enorme
potencial dos titulados galegos e a proxección da súa formación a
nivel nacional e internacional”. Alberto Jaspe tivo como titores do
proxecto premiado aos profesores Emilio J. Padrón e Javier Taibo.
O
Premio Proxecto Fin de Carreira, que este ano chegou á súa cuarta
edición, está dotado con 1.000 euros. Mediante o galardón, o ente
colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e
defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo
dos estudantes de Enxeñaría en Informática.
O
xurado que premiou o traballo de Alberto Jaspe estivo formado por
Antonio Mosquera, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría
da USC; Luis Hervella, decano da Facultade de Informática da
UDC; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría
Informática da Universidade de Vigo (substituída por Francisco
Rodríguez, subdirector e vogal do CPEIG); Juan Otero, vicepresidente
do CPEIG; Juan José González, secretario do mesmo colexio e
Fernando Suárez, presidente do CPEIG
