AirDog, o dron que seguiranos mentres nos grava en vídeo

luns, 16 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Para facer moito máis doada a gravación de actividade deportivas ao aire libre, dende Kickstarter están a lanzar un interesante proxecto de vehículo aéreo non tripulado chamado AirDog, que consistiría nun cuadricóptero adaptado para cargar cunha cámara dixital deportiva GoPro para así poder capturar imaxes da práctica de surf ou carreiras en bicicleta ou ciclomotor dende o aire, coa grande vantaxe de que o sistema de guiado estará automatizado, de xeito que poderá seguir a unha persoa que leve consigo un sistema de localización chamado AirLeash (aínda que tamén podería aproveitarse o equipamento para controlar a cámara remotamente).

O AirLeash permitirá que o AirDog faga un seguimento dunha persoa durante a súa práctica deportiva

Este prometedor dron contará cun espazo para colocar unha cámara GoPro que estaría equipado con estabilizadores de imaxe, para permitir unhas gravacións cun acabado profesional á vez que o dispositivo voa a unha velocidade de até 64 quilómetros/hora. Aínda que o seguimento do obxectivo a gravar realízase de xeito automático, o usuario poderá personalizar a gravación dende o seu dispositivo móbil (con iOS ou Android) indicando a distancia, a altura e o ángulo que se desexa con respecto á acción, podendo incluso marcase unha ruta de voo sobre o mapa.
O AirDog terá un peso de 1,8 quilogramos (con batería), funcionará cunha batería de 4.00 mAh (o que permitiría unha autonomía de entre 10 e 20 minutos dependendo da velocidade de voo), resistiría ventos de ata 14 metros por segundo e o seu sensor AirLeash podería estar até unha distancia de 300 metros do dron.
Esta solución para a gravación de actividades deportivas pretende poder remitirse aos seus mecenas a partir do mes de novembro, podendo facerse cun destes dispositivos por 995 dólares (771 euros con gastos de envío incluídos) de estarmos entre os 100 primeiros mecenas do proxecto que rematará a súa captación de fondos en 40 días.

O AirDog poderá seguir ao seu obxectivo coa distancia e o ángulo que definamos


Vídeo promocional do AirDog

PUBLICIDADE