Air Berlin promoverá o Ano Santo compostelán na súa web

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

Air Berlin, a compañía aérea de baixo custe que conecta a capital galega coas principais cidades do país así como con Alemaña, Austria e Suíza, vén de lembrarnos a todos os galegos e galegas (que temos o ollo máis posto na candidatura de Madrid para as Olimpíadas do 2012 que noutra cousa) que o vindeiro 2010 será Ano Santo en Galicia e que ata aquí se achegarán milleiros de peregrinos que ansían coñecer a nosa Terra.
O director da compañía alemá en España e Portugal, Álvaro Middelmann, ofreceu onte a súa colaboración para promover o Ano Santo 2010 mediante a “prolongación das súas ofertas de verán nos vóos cara Santiago” así como mediante o emprego da súa páxina web como escaparate virtual no que mostrarlle ao mundo os encantos da nosa xeografía e cultura.
O encontro cos medios de comunicación tivo lugar en Compostela e nel, a compañía informou da súa campaña de verán así como das medidas que vai levar a cabo para promoverr o Xacobeo 2010 alén das nosas fronteiras.
Deste xeito, a súa web, que recibe miles de visitas diarias, dará conta dos eventos e actividades que se leven a cabo con motivo desta celebración relixiosa e asemade, promoverá os principais atractivos turísticos da nosa Comunidade de cara a atraer a o meirande número de visitantes.
A compañía aérea, que no pasado ano trouxo a Compostela a preto de 125.000 pasaxeiros, tamén enviará cartas con tarxetas de fidelización aos seus clientes, e organizará viaxes para achegar á capital galega xornalistas extranxeiros que se marabillen coa nosa paisaxe e que dean conta da nosa oferta cultural.

PUBLICIDADE