Agestic, Innovación e o IGAPE, difundirán en Lugo as axudas TIC

martes, 8 de maio do 2007 Raquel Noya

O vindeiro día 11 de maio, representantes da Consellería de Innovación e máis o IGAPE colaboran con AGESTIC na organización dunha xornada na que se exporán as axudas tecnolóxicas que estas institucións poñen a disposición dos empresarios galegos para a implantación das novas tecnoloxías nas súas entidades.
Cómpre sinalar que Innovación destina máis de 4,2 millóns de euros para subvencionar a implantación da TIC en tódalas empresas da nosa terra e pola súa parte, o IGAPE ten convocadas axudas para a cooperación, o desenvolvemento de proxectos tractores en software libre e a innovación neste eido.
É por iso que na devandita xornada intervirá o subdirector xeral da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e representantes do IGAPE e de varias empresas que nos pasados anos desenvolveron proxectos tecnolóxicos de éxito para amosar as posibilidades das TIC nos negocios.
O evento terá lugar ás seis da tarde na sala Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE) en Lugo e estará aberto a empresas de tódolos sectores da produción, comercio e servizos que estean interesadas en acudir. As inscricións poden facerse xa por correo electrónico en gabinete@agestic.org ou a través do número de teléfono, 982 873 903.

PUBLICIDADE