Age of Sparta estréase nas tendas de aplicacións

mércores, 25 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O prometedor xogo de estratexia de Gameloft ambientado na Antiga Grecia, Age of Sparta, do que dimos conta onte como un título de próximo lanzamento, sorprendeu vendo a luz hoxe mesmo na App Store, en Google Play e nas tendas de aplicacións de Windows Phone 8.1 e Windows 8.1, de xeito que está dispoñible para as principais plataformas móbiles baixo a popular fórmula do free-to-play.
O xogo consiste en xuntar os poderes de homes e deuses da Antiga Grecia para facer fronte á invasión de Xerxes en batallas estratéxicas nas que os deuses poderán lanzar ataques que despexen inimigos do campo de batalla mentres vemos lexións de unidades únicas (que inclúen monstros e bestas mitolóxicas) fantasticamente animadas, deseñamos unha cidade gloriosa na que establecer cuarteis e render tributo aos deuses para que nos axuden na loita, e formemos alianzas con outros xogadores para declarar a guerra aos rivais.
Un título con moitas posibilidades de éxito, que incluso conta cun chat para poder socializar con amigos e aliados.

O xogo contará con unidades entre as que non faltarán criaturas mitolóxicas

PUBLICIDADE