Age of Conan poderá xogarse de balde

mércores, 25 de maio do 2011 Marcus Fernández

Ante a imposibilidade de competir en igualdade con outros xogos masivos multi-xogador en liña de pagamento como World of Warcraft, Funcom anuncia que o seu xogo Age of Conan: Hyborian Adventures vai relanzarse este verán co nome Age of Conan: Unrated, o que suporá principalmente a transformación do seu modelo de negocio, optando polo freemium, de xeito que poderá gozarse de balde, pero haberá que pagar para acceder a contidos adicionais.
Este xogo tiña vendidas máis de 1,4 millóns de copias dende o seu lanzamento en 2008, pero fidelizar aos usuarios resulta moi complicado, e agardan que ao eliminar as cotas mensuais poidan conseguilo. Para manter a rendibilidade do proxecto abrirán unha tenda de contido adicional na que poder adquirir armamento e monturas.
Age of Conan continuará a ser un universo en liña inspirado nos traballos de Robert E. Howard, con bárbaros, violencia e sexo, polo que estamos ante un título claramente dirixido a adultos, que agarda ampliar o seu público e que está dispoñible en inglés, francés, alemán, español, ruso e polaco.

O xogo continuará a apostar polos bárbaros e a violencia

PUBLICIDADE