Agaresco expón en Pontevedra as claves para cambiar o xornalismo social por medio das TIC

xoves, 3 de novembro do 2011 Raquel Noya

Priscila Hernández e Montse Fernández, membros de Agareso

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, Agaresco, estivo durante a pasada xornada na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra para, da man de dúas das súas integrantes, explicarlle ao alumnado o papel que pode desenvolver na sociedade grazas ao emprego dos recursos tecnolóxicos que teñen ao seu alcance.
Priscila Hernández, correspondente de Agareso en México explicou que “existe a posibilidade de facer un xornalismo social que transforme a realidade dándolle verdadeira utilidade a ese móbil con cámara de fotos e con conexión a Internet”, referíndose aos móbiles de última xeración que practicamente tódolos alumnos e alumnas da facultade usan no seu día a día, e cos que poden dende conectarse ás redes sociais e subir as novas en tempo real ata gravar todo tipo de declaracións e mesmo vídeos cos que ilustrar a información.
A outra relatora encargada de transmitir esa mensaxe de esperanza aos alumnos de Ciencias Sociais foi Montse Fernández, delegada de Agaresco en Pontevedra, quen declarou que “as xuventudes que están estudando agora comunicación van ser os profesionais do futuro e se non se lles forma en este ámbito, estamos inculcando unha cultura de consumismo total”, aclarou.
Ámbalas dúas convidadas recoñeceron que “a clave para impulsar un xornalismo social e comprometido coa realidade está na formación dos futuros comunicadores e comunicadoras do país”, formación que pasa inescusablemente polo eido das novas tecnoloxías e Internet, e é neste último, por certo, onde atopan “o seu principal aliado”.
O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) recolle as verbas da reporteira mexicana ao sinalar a actividade na Rede como algo necesario para o cambio do xornalismo social, e por exemplo, con algo “tan sinxelo” como pode ser a través dun blog “pódese denunciar unha situación inxusta que se observou pola rúa”,
A mensaxe de Hernández foi, sobre todo, esperanzadora, ao afirmar que, “vívese un momento de crise mundial no que non hai traballo nin oportunidades, pero para o estudante de comunicación non houbo mellor época para nacer”.

PUBLICIDADE