Afiánzase entre as empresas a práctica de procurar traballadores na blogosfera

xoves, 12 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Os máis espertos (e tamén os máis expertos) da blogosfera xa o saben dende hai tempo: darse a coñecer a través dun caderno virtual pode ser mellor ca un currículo prolixamente enviado. Sobre todo, se nese blog incluíches o teu nome e as túas referencias, deixando de lado o anonimato polo que ten optado tamén moita xente. Así, serían blogs coma cartas de presentacións, con independencia de que previamente se pense ou non nesa finalidade. Porén, se é desenvolvido a mantenta co fin de atopar traballo e posición, unha boa parte dos seus posts poderían estar condicionados por ese interese, até tal punto que o blogueiro en cuestión coidaríase moito de falar mal dunha empresa na que quixera entrar. Isto nun principio non semella grave nin condenable, sempre que se avise. Mais se avisamos diso, quen nos vai contratar?
Enleadas aparte, o certo é que este medio de comunicación vai gañando en complexidade cada día que pasa, e xa non falamos dun sistema máis ou menos ordenado de contar as cousas que che saen dos miolos sen pensar nas súas consecuencias. Agora máis ca nunca, semella que hai máis ollos ca nunca vixiando os blogs de autoría coñecida.
En Estados Unidos, segundo informa estes días The Wall Street Journal, é abondo habitual a práctica de procurar un posto de traballo a través do teu blog, tirándolle partido ó máximo. A cousa vai a máis se temos en conta que unha boa parte das persoas que nas empresas de todo o país se dedican a buscar fichaxes teñen os seus ollos postos na Internet, e máis concretamente na blogosfera, feito que podería traer consigo un novo tipo de censura relativa ou indirecta. É dicir: como diciamos antes, calquera comeza a falar mal dunha corporación na que devece hai unha chea de tempo por entrar sabendo que é ben probable que alguén desa empresa dea con esa crítica. Segundo o artigo do xornal americano, as persoas que decote se encargan de procurar traballadores poden facer rastrexos de candidatos máis de dúas horas á semana. Certo: non semella moito tempo, pero abonda para que caias en desgraza perante deles e nunca lle poidas pór remedio á situación.
Os blos preferidos desta xente son os que non están vinculados coa profesión da persoa que escribe neles, por que de aí poden tirar unha idea máis clara das súas capacidades para redactar ou para adaptarse a outros ambientes. En definitiva: é moi probable que en moitos destes rastrexos se leven á práctica métodos e prácticas relacionadas coa análise das persoas en procesos de contratación.
No artigo de The Wall Street fálase do caso de Brian Balfour (un caso representativo) como do paradigma de internauta blogueiro que, sen solicitalo (non sabemos se tamén sen pretendelo) acadou un posto de traballo en ZoomInformation grazas ó seu caderno. A empresa, que xa o puxo a traballar de product manager, non quere nin oír falar dun hipotético peche do blog de Balfour. Este caderno ten todas súas bendicións.

PUBLICIDADE