Aerocamaras modernizará a súa frota de drons marítimos co apoio de GAIN

luns, 28 de novembro do 2022 S. P.

A empresa galega Aerocamaras anunciou esta semana os detalles dun proxecto para modernizar a súa frota de drons marítimos. Este impulso de I+D aos seus dispositivos mariños será posíbel grazas ao apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que dirixe Patricia Argetrey, a través do programa DeseñaPEME 2022. Consistirá nun importante investimento para optimizar os equipos e o software cos que Aerocamaras ofrece servizos de loxística e inspeccións técnicas a barcos.
O propósito da compañía de Lalín é “continuar desenvolvendo os seus dispositivos de alta tecnoloxía e manterse á vangarda nestes servizos ofrecendo a máxima calidade coas prestacións máis punteiras”. As melloras aplicadas serán “substanciais desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico” explica Jaime Pereira, conselleiro delegado de Aerocamaras.
As liñas de desenvolvemento previstas centraranse en mellorar aspectos técnicos dos UAV (vehículos non tripulados) aéreos e submarinos destinados a este servizos, tales como a autonomía, a velocidade, a capacidade de carga e ou o peso dos equipos (que se verá reducido).
Entre as novidades concretas que serán aplicadas a este servizos está a capacidade de obter e compartir información co cliente en tempo real de envíos loxísticos industriais ou inspeccións técnicas dando ao cliente a posibilidade de tomar decisións de forma aínda máis áxil. Neste punto a compañía galega salientou a súa bagaxe no desempeño de tarefas de detección temperá de problemas técnicos cos seus UAV, identificando posíbeis anomalías que permiten un mantemento correctivo, con reparacións que moitas veces son posíbeis realizalas en porto.
“Os servizos que ofrecemos aos nosos clientes son aproveitar os tempos que teñen de parada, xa sexa para reabastecemento ou subir carga, ou facer inspeccións, desa maneira optimízase ese tempo e evítase un mantemento correctivo que implica pór en dique seco o barco e telo parado varias semanas para facer as reparacións, cos custos asociados que isto comporta. Canto a seguridade, é obvio que calquera detección temperá en porto evitará avarías en alta mar que impliquen afundimentos ou ficar á deriva ata que cheguen os equipos de salvamento”, apunta Pereira.
Este proxecto vai en liña co compromiso de innovación sostible adquirido pola empresa a través do desenvolvemento sostible coa xeración de solucións de I D respectuosas co medio ambiente, apostando pola prolongación da vida útil dos equipos e a redución na xeración de residuos.

PUBLICIDADE