Aerocamaras celebra os seus 15 anos con relevantes logros en internacionalización, emprego e facturación
xoves, 28 de abril do 2022
A
empresa galega Aerocamaras,
centrada no desenvolvemento de drons e na formación arredor destes
aparellos, está estes días de celebración: a conmemoración dos
seus 15 anos de andaina, un tempo que lle serviu para contar con máis
de 30 centros de capacitación en toda España e para dar soporte en
máis de 15 países do mundo.
A
empresa foi posta en marcha en Lalín (Pontevedra) hai tres lustros
polo galego Jaime Pereira, actual director executivo da mesma, quen
sinala que o grupo foi quen “consolidarse neste período como
empresa referente no sector, ofrecendo unha cobertura integral 360º
que abrangue todos os ámbitos da industria dos drons: formación,
servizos especializados, xestión aeronáutica, desenvolvemento de
vehículos aéreos non tripulados e venda de equipos, con presenza
consolidada en España, Europa e Latinoamérica”.
Pereira
engade que “estamos encantados de cumprir 15 anos. É un síntoma
moi saudábel, mestura de xuventude e de experiencia xerada grazas a
cada paso realizado. E o máis importante é celebralos sendo líderes
no sector das aeronaves non tripuladas. Grazas á confianza dos nosos
clientes, aos nosos colaboradores e alumnos, e por suposto ao noso
equipo, chegamos até aquí, e grazas a todos eles agardamos seguir
nesta aventura”.
Até
a data, a compañía formou a máis de 30.000 alumnos, entre eles
membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FFCCSE)
especializándoos no manexo de drons en situacións de emerxencia e
labores de rescate, tales como accidentes de mercadorías perigosas,
control de situacións de emerxencia ou seguridade cidadá, procura
de vítimas, prevención de incendios ou control de aforamento en
espazos públicos.
De
xeito paralelo, parte do seu equipo de pilotos despregouse en varios
países do mundo dando servizos especializados en diferentes áreas,
como en Italia e México realizando inspeccións técnicas eólicas e
fotovoltaicas, ou en Ángola participando no levantamento dunha mina
colaborando con servizos topográficos.
Segundo
indica Pereira, un dos grandes fitos da empresa foi o crecemento do
persoal, que se viu incrementado desde 2019 coa creación de case 50
novos postos de traballo.
Amais,
acadou un volume de negocio de preto de 7 millóns de euros en 2021 e
unha previsión para o 2022 de arredor dos 10 millóns de euros.
O
futuro de Aerocamaras pasa por seguir ampliando a súa presenza en
Latinoamérica, onde xa despregou actividade en Colombia, Brasil,
México, Panamá, e Porto Rico. E tamén seguir co seu espallamento
internacional aterrando con estrutura completa no continente africano
e asiático, onde xa cooperan con outras compañías facendo servizos
de inspección.
Para
celebrar os seus 15 anos, Aerocamaras lanzará “unha promoción
sorpresa ao mes durante todo o ano 2022”.