Adobe renova as súas aplicacións creativas apostando polas tabletas e a intelixencia artificial

luns, 4 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O congreso anual Adobe MAX serviu de escenario para presentar numerosas novidades ao redor dos servizos de Creative Cloud e, moi especialmente, aplicacións para iPad, de xeito que por fin temos a estrea de Adobe Photoshop para as tabletas de Apple, así como unha versión preliminar do Adobe Ilustrator, facendo que o iPad sexa unha ferramenta creativa máis práctica.
Pero Adobe non casa con Apple, e a aplicación de ilustración Fresco, que estaba limitada para os iPad, inicia a súa chegada a Windows 10 (comezando polos produtos Surface Pro e Wacom Mobile StudioPro).
Como novas aplicacións podemos destacar a Adobe Photoshop Camera (unha aplicación de cámara para móbiles que chegará o ano que vén ofrecendo numerosos efectos) e Adobe Aero (que facilitará a creación de contidos para realidade aumentada, e estréase como aplicación de balde para iOS).
Sobre as aplicacións de Adobe en xeral a compañía está a melloralas reforzando os seus servizos na nube e dotándoas de maiores capacidades de intelixencia artificial con Adobe Sensei, motor que, por exemplo, fai posible as novas opcións de reenmarcado de vídeo de xeito automático ou das novas opcións de recoñecemento de figuras para axilizar o borrado do seu fondo.

Vídeo promocional da futura aplicación móbil Adobe Photoshop Camera

PUBLICIDADE