Adiantan novos detalles de Project Scorpio

venres, 10 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Pese a que aínda non se sabe cando Microsoft desvelará todos os detalles da vindeira consola Xbox One coñecida polo momento como Project Scorpio, o produto xa figura na tenda en liña de Microsoft e agora Windows Central adiantan moitas das súas prestacións, deixando claro que, aínda que será unha consola orientada ao seu uso en televisores 4K, tamén mellorará a calidade de imaxe dos xogos a 1.080p.
Sabemos que do Project Scorpio sairá a primeira consola do mercado que ofrecerá auténticos xogos en 4K (a PS4 Pro quedou nun punto intermedio) para o que terá unha potencial gráfica de proceso de 6 TFLOPS, o que tamén permitirá que mova realidade virtual de alta fidelidade, e a esta información engaden agora que os xogos actuais fan uso de escalado dinámico en Xbox One, de xeito que para poder tirar proveito da maior potencia de Xbox One mellorando a súa taxa de fotogramas non precisarán de actualizacións como acontece coa PS4 Pro.
Os xogos que reciban actualización para Project Scorpio tamén contarán con outras melloras na calidade de imaxe, aínda que para moitos usuarios resultará máis interesante saber que a consola si incluirá un reprodutor de películas en Blu-ray 4K, contando con HDMI 2.0a e HDR, de xeito que sería un excelente produto para poder aproveitar mellor os novos televisores en 4K, para os que aínda hai moitos atrancos para poder gozar das súas elevadas prestacións.

PUBLICIDADE