Adiantan detalles sobre as especificacións da Nintendo Switch

luns, 19 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda faltan máis de tres semanas para que Nintendo anuncie oficialmente as especificacións da súa nova consola, a Nintendo Switch, pero dende Digital Foundry e Eurogamer atrévense a detallar moitos dos detalles do hardware da futura consola grazas a informacións de distintas fontes, que parecen confirmar algo que viña sospeitándose dende hai tempo: a consola poderá funcionar a pleno rendemento conectada ao televisor, pero en mobilidade reducirá a potencia da súa gráfica para reducir o seu consumo.
Ao parecer, a Nintendo Switch contaría cunha pantalla multi-táctil IPS de 6,2 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento, arquitectura nVIDIA Maxwell de segunda xeración, USB 2.0/3.0 e saída de vídeo a 1.080p a 60 fotogramas por segundo ou a 4K a 30 imaxes por segundo.
Pero o máis importante desta nova consola baseada en tecnoloxía nVIDIA Tegra sería que aínda que a súa CPU funcionase sempre a 1.020 MHz, a súa GPU iría a 307,2 MHz en mobilidade e até 768 MHz conectada á súa base, o que lembra ao que acontece coa PlayStation 4 na actualidade (ou sexa, que tería un código para a consola básica e outro para un modo de funcionamento Pro).
Pese a estarmos ante unha consola de grande eficiencia enerxética, sería sobradamente máis potente que unha Wii U, o que non se di en base as especificacións (xa que falamos de tecnoloxías complicadas de comparar) senón en función das demostracións que están a facerse coa consola (o xogo de Zelda que puido verse no programa televisivo de Jimmy Fallon corría dun xeito moito máis fluído que a súa versión para Wii U).

PUBLICIDADE