Adiantan detalles da futura PlayStation 5

martes, 8 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Expositor de PlayStation na pasada Madrid Games Week

A revista Wired publica unha reportaxe na que confirma algúns dos detalles da consola que sucederá á PlayStation 4, e que, como era de esperar, finalmente responderá ao nome de PlayStation 5 e chegará ao mercado a finais de 2020, confirmando o que se viña dicindo nos últimos meses.
Nas informacións da publicación norteamericana non só temos a constatación do nome e da época de lanzamento da futura consola, senón tamén algún detalle adicional, como que a PS5 contará cun novo mando, que probablemente responda ao nome de DualShock 5, que destacaría por facer uso de tecnoloxía háptica en vez da tecnoloxía rumble actual. Esta nova tecnoloxía achegaría unha gama máis ampla de respostas, de xeito que non será a mesma sensación cando choquemos nun xogo de condución que cando teñamos un impacto nun xogo deportivo.
O novo mando tamén incluirá gatillos adaptables, de xeito que os gatillos traseiros terán unha resistencia programable, o que permitirá que os xogos teñan certo control sobre a sensación táctil que queren transmitir ao xogador, conseguindo unha experiencia máis inmersiva.
No artigo de Wired tamén destacan que o uso dunha unidade SSD en vez dun disco duro ten un impacto substancial nos tempos de carga e na eficiencia que pode ofrecer a consola. Tamén comenta que os xogos en disco terán un tamaño de até 100 GB, e a unidade óptica tamén poderá funcionar como reprodutor de Blu-ray 4K (prestación que a PS4 deixara de lado, mentres que Microsoft ofrece a reprodución en 4K incluso na Xbox One S). Pero cómpre advertir que os discos físicos continúan a ser moi lentos, polo que a instalación dos xogos na unidade de almacenamento interna será obrigada, aínda que este proceso comportarase de xeito modular (será posible que no disco interno só se instalen os modos de xogo que queiramos empregar, ou que podamos borrar o modo campaña dun xogo tras superalo), pero dá a impresión de que simplemente estase a avanzar un paso máis cara a desaparición dos soportes físicos (que só teñen sentido para usuarios que carecen de acceso á banda larga).
Nos vindeiros meses é de esperar que vaian dando cada vez máis detalles sobre a PS5, de xeito que antes do verán deberiamos coñecela en profundidade ou, cando menos, ter unha idea sobre elementos como o tamaño do seu almacenamento interno ou o rango de prezos nos que estará a nova consola.

PUBLICIDADE