Adaptan Profanation a iOS

luns, 27 de maio do 2019 Marcus Fernández

Un dos xogos máis desafiantes da historia, o Abu Simbel Profanation, que en 1985 causara furor en ZX Spectrum, Amstrad CPC e MSX, converténdose nun dos títulos máis lembrados de Dinamic, volve estar de actualidade grazas a Iván Cerra, quen vén de publicar unha homenaxe a este xogo en forma de adaptación para iOS, de xeito que os usuarios de iPhone e iPad poden descargar de balde na App Store o xogo Profanation.
O xogo conta a historia de Johny Jones, vítima dun feitizo, que vese obrigado a ir Exipto na procura do templo de Abu Simbel para atopar alí o sortilexio que o devolva á normalidade.
Esta aventura está dividida en 45 habitacións de dificultade extrema, nas que hai que esquivar inimigos e perigos que farán perder unha vida co mero contacto.
Pero esta non é a única homenaxe a Profanation que puidemos ver ultimamente, senón que tamén chegaron a desenvolver unha secuela para Amstrad CPC, que pode descargarse de balde, de xeito que os amantes da retroinformática teñen un xeito diferente de rememorar un clásico dos videoxogos españois.

Vídeo no que podemos ver o Profanation para iOS en acción

PUBLICIDADE