Adaptador Bluetooth para levar a VoIP e a reprodución de audio por toda a casa

venres, 14 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Moitos ordenadores portátiles inclúen conectividade Bluetooth o que facilita, entre outras cousas, o uso de dispositivos de mans libres para o móbil para aplicacións de VoIP coma o Skype, e pensando nese tipo de usos Callpod lanza o Drone, un dispositivo USB que permite establecer conexións Bluetooth compatible con A2DP/AVRCP, a meirande parte das aplicacións de VoIP, calquera sistema de mans libres ou auriculares Bluetooth, ordenadores Mac ou PC, sen precisar de ningunha instalación de software (agás para a transferencia de ficheiros) e que destaca por multiplicar por 10 a cobertura habitual deste tipo de tecnoloxía sen fíos.

O Drone é compatible tanto con PC coma con Mac

Deste xeito, o Drone funcionaría a distancias de ata 100 metros, ou sexa, que achegaría unha cobertura máis propia do Wi-Fi que do Bluetooth, facendo doado o espallamento de servizos coma Skype por todo un domicilio ou para poder levar a música do noso ordenador a calquera curruncho da casa. O seu prezo de venda nos EE.UU. é de 49,95 dólares, o que é máis caro que os adaptadores Bluetooth ordinarios, o que queda xustificado pola cobertura que consigue e pola súa facilidade de uso.

PUBLICIDADE