Activision prepara o terreo para o lanzamento de Transformers, o 29 de xuño

martes, 17 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Os Transformers serviron principalmente para dúas cousas: para facer máis agradables os intres de lecer dunha chea de nenos durante as décadas dos oitenta (sobre todo) e dos noventa e, tamén, para aprenderlles que non todo é o que parece a simple vista e de que até os robots-heroes que traballan pola rectitude no mundo e pola xustiza tiñan un punto transformista (que cada quen tire as súas propias conclusións). Estes personaxes primeiro (nos setenta) foron xoguetes e logo protagonistas dunha serie de ficción de gran éxito coproducida a tres bandas entre Xapón, Estados Unidos e Canadá.
A sombra dos Transformers, amais de complexa e suxeita ó seu variable estado de ánimo, é longa abonda, como se pode comprobar coa inminente estrea dun filme para a gran pantalla e dun videoxogo que se apoia no éxito do mesmo (e viceversa) desenvolvido por unha casa de sobrada experiencia nos produtos de acción para a consola: Activision.
Pois ben, para ir abrindo o apetito dos seareiros, a empresa vén de poñer na Rede unhas imaxes que preparan o camiño de cara ó lanzamento oficial no mercado, o día 29 de xuño, uns días antes da estrea nas salas da película.
O xogo aparecerá para PS3, Xbox 360, Wii, PS2, PSP e PC.
Como non podía ser doutro xeito, os Transformers veranse enleados nunha desas batallas a nivel planetario na que non sería boa idea meterse no medio e sen casco homologado. Polo que se conta do produto, as alternativas para o vídeo xogador son dúas: protexer a terra ou destruíla (como ben podería dicir unha persoa botada para diante, nada de medias tintas). Ou sexa, que antes de comezar o xogo teremos que optar por integrármonos no equipo dos Autobots (os protectores) ou ben no dos Decepticons (os camándulas). O teu campo de batalla, o lugar onde poderás facer o que che pete é a mesmísima Terra (algo do que saben moito as empresas enerxéticas, as petroleiras, as farmacéuticas e o goberno dos Estados Unidos, entre outros). Alí poderás meterte a saco en diversos actos de esmagamento, sobre todo se te pos na pel de personaxes como Bumblebee ou mesmo Barricade, dous robots de gran tamaño cos que é mellor non cruzar unha palabra.

PUBLICIDADE