Activision anuncia a cuarta entrega de Call Of Duty

xoves, 26 de abril do 2007 Raquel Noya

Aínda ben non nos afixemos á presenza (dende marzo) do Call Of Duty 3 nas tendas e xa hai ruxerruxe sobre a última entrega da saga (a cuarta) e o seu lanzamento, que podería materializarse a mediados deste ano.
De feito, tanto é así que a mesmísima Activision, en conxunción con Infinity Wards, vén de anunciar que o vindeiro 28 de abril (este sábado sen ir máis lonxe) vai amosar o primeiro tráiler do Call of Duty 4: Modern Warfare, nada menos que ó longo da retransmisión do partido de Draft da NFL en Estados Unidos.
Nesta entrega, os creadores “deixan de lado a Segunda Guerra Mundial como telón de fondo para ambientarse en conflitos máis actuais como o de Oriente Medio”, unha información que se confirmará o mesmo día da presentación do tráiler, no que se verá se, efectivamente, o xogo é digno de pertencer a tan prestixiosa saga.
Polo momento aínda non se coñecen moitos máis detalles sobre esta cuarta entrega; tan só que (como era de agardar) as plataformas de desenvolvemento primario serán Xbox360 e Playstation 3.

PUBLICIDADE