Activision anima aos seareiros de Call of Duty 4 a participar na súa primeira liga oficial

venres, 18 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A afección de xogar coas consolas en liña estende os seus límites. Case se podería dicir que adquire cotas de organización propias dos deportes máis estendidos. Nesta liña é onde se insire a nova iniciativa de Activision, unha das empresas de máis renome no eido do deseño de videoxogos e, en consecuencia, unha das máis interesadas en (vala a redundancia) tirarlle proveito ao tirón. Falamos da liga oficial posta ao servizo do seu xogo Call of Duty 4 e dos seus seareiros, que son moitos, e que podemos ver xa en www.ligaoficialcod4.com. A competición, que ten o prazo para os rexistros aberto até o 23 de xullo, conta co apoio de compañías do sector como AMD, NewLight System e Razer.
A idea, como dixemos, é a de sacarlle proveito (agora entre multitudes organizadas) ás moitas posibilidades de xogo en liña que achega a Rede mesma e ao propio Call of Duty 4: Modern Warfare, que foi un dos produtos do sector de máis éxito ao longo do ano pasado, no que colleitou un bo belisco de galardóns e (tamén) de incorporacións de afeccionados.
Na liga e na súa web poderán participar 96 equipos. Logo dos primeiros enfrontamentos e das distintas fases eliminatorias, coma en calquera competición deportiva, chegarase á final cos catro clans máis salientables e que, neste caso concreto, non será en liña senón de tipo presencial. Concretamente en Madrid durante a primeira quincena de setembro. Estes son os premios que se repartirán entre o equipo gañador e os dous finalistas:

Clan gañador:
1.200€ en metálico
5 ratos Razer Lachesis
1 servidor NewLight System
Lote de xogos Activision

Primeiro finalista:
500€ en metálico
5 tarxetas gráficas AMD AT
Lote de xogos Activision

Segundo finalista:
300€ en metálico
Lote de videoxogos Activision

PUBLICIDADE