Activision abandona Call of Duty: Warzone Mobile
luns, 19 de maio do 2025
Hai pouco máis dun ano Activision lanzou o xogo Call of Duty: Warzone Mobile, buscando levar a dispositivos móbiles a fórmula de éxito do seu free-to-play de acción en primeira persoa que tan ben funcionaba en PC e consolas, pero o resultado non parece ter sido satisfactorio e, recoñecendo a satisfacción por ter conseguido crear un Warzone para móbiles, anuncian que deixarán de publicar novo contido de tempada e actualizacións de xogabilidade da versión móbil de Warzone por non ter acadado «as nosas expectativas entre os xogadores que priorizan a experiencia móbil».
Con efecto inmediato, os xogadores xa non poderán adquirir Call of Duty Points nin Black Cell usando diñeiro real en Call of Duty: Warzone Mobile. O xogo xa non está dispoñible nas tendas de aplicacións móbiles de Google e Apple, e desactivaranse as funcións sociais nas dúas plataformas móbiles.
Os xogadores que teñan o xogo instalado seguirán podendo acceder ao mesmo, mantendo a progresión cruzada de inventarios compartidos e o emparellamento para xogar en liña. Os COD Points non empregados tamén poderán canxearse dentro do xogo por contido dispoñible na tenda do xogo.
Para agradecer o apoio ao longo dos pasados meses anuncian que teñen preparados incentivos especiais para os xogadores de Call of Duty: Warzone Mobile en Call of Duty: Mobile (principalmente dobrarán o saldo ao migrar dun xogo ao outro), asà como tamén publican unha relación de preguntas frecuentes que buscan clarexar a situación tras o abandono de Warzone Mobile.