Achégase a nova versión da alternativa galega a Windows XP, a opción MiniNo

xoves, 31 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Segundo se sinalaba na web de Mancomún, a pasada fin de semana tiña lugar a reunión anual IV MiniNo Devconf, o encontro dos desenvolvedores de MiniNo. Alí tratáronse diversos temas, entre eles os últimos detalles do MiniNo Ártabros 2.1 RC, prevista para finais de agosto ou comezos de setembro.E que é iso do GALPon MiniNo? Trátase dunha distribución GNU/Linux, baseada en Debian, que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos.
Nada en 2008 conta xa con máis de 14.000 descargas, sendo case 6.000 correspondentes ao primeiro semestre de 2014. Logo de case dous anos da publicación da versión 2.0, estase a darlle unha viraxe a esta alternativa para migrar equipos antigos que até o de agora tiñan Windows XP e que xa non conta con soporte.
Entre as novidades deste MiniNo están:

  • Dúas edicións de MiniNo Ártabros 2.1 para equipos máis e menos antigos, ambas baseadas en Debian 7: Edición MiniNo Ártabros 2.1 «full», que precisará ser gravada nun DVD ou USB. E edición MiniNo Ártabros 2.1 «minimal»,que pode ser gravada nun CD ,
  • Redución do consumo de RAM dun 12% (a 65 MB).
  • Melloras na funcionalidade de construción dunha imaxe ISO personalizada.

En canto ás descargas, até o de agora só está dispoñible a descarga da edición Full: MiniNo artabros 2.1 ful RC.iso. É posible tamén actualizar dende unha versión 2.0 a calquera das dúas edicións da versión 2.1 RC seguindo as instrucións da páxina de MiniNo.
E indo a outra cousa, na xuntanza da que falamos tamén se perfilou o traballo futuro para a nova versión de MiniNo dirixida aos máis cativos: PicarOs Diego 2014, unha versión que estará lista a finais de setembro ou comezos de outubro. O máis salientábel desta versión para nenos serán as melloras na seguridade e na intimidade, melloras na navegación, melloras estéticas e de funcionalidade (achegar tipos de letra para disléxicos, etc), mellorar e engadir máis programas educativos ou de lecer formativo, melloras nas ferramentas de aula e no plano operacional...
Para ter máis información sobre as novidades de MiniNo e Picaros cómpre consultar as conclusións do encontro, ou a propia páxina da distribución
Tanto o encontro de desenvolvedores como a difusión e publicación das novas versións forman parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE