Acer prepara dispositivos con Android con pantallas de 4,8, 7 e 10,1 polgadas

martes, 23 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Acer adiantou hoxe o que será a súa estratexia de dispositivos con Android para os vindeiros meses, de xeito que para a primavera de 2011 terá listos un par de dispositivos tipo tablet con pantallas de 7 e 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (cunha proporción de 16:10) e un móbil con pantalla de 4,8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 480 píxeles.
Con esta gama de trebellos Acer parece querer competir co iPad, o Samsung Galaxy Tab e o Dell Streak, pois aposta por distintos tamaños de pantalla de xeito que queda nas mans do usuario a elección do tamaño máis apto para as súas necesidades.
Os tablets anunciados contarían con cámara frontal para videoconferencia, soporte de Flash, Wi-Fi, ·3G, soporte de DLNA, procesador a 1,2 GHz e, no caso do modelo de 10,1 polgadas, tecnoloxía Tegra de dobre núcleo que posibilitaría a reprodución de vídeo en alta definición, contando tamén con saída HDMI.
O móbil de 4,8 polgadas de Acer tamén presume de ser un tablet (aínda que en rigor deberiamos chamarlle MID), e sorprende pola súa resolución de 1.024 x 480 píxeles cunha proporción de 21:9 (moito máis panorámica do que estamos afeitos, co que pretenden evitar a necesidade de facer zoom para ler páxinas web), cámara de 8 Mpíxeles con flash LED e gravación de vídeo a 720p, cámara frontal de 2 Mpíxeles para vídeoconferencia, procesador Snapdragon a 1 GHz, corpo metálico, soporte de Flash Player 10.1, conectividade HSDPA, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0 e saída HDMI. Por desgraza, as dimensións deste móbil (141,7 x 64 x 13,3 milímetros) veñen acompañadas por un peso considerable (170 gramos) e haberá que agardar a abril de 2011 para velo nas tendas.

PUBLICIDADE