Ábrese o rexistro para a beta de Titanfall para Xbox One e PC

mércores, 12 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Para quecer motores de cara ao lanzamento de Titanfall para Xbox One e PC o vindeiro 13 de marzo, o agardado primeiro xogo de Respawn Entertainment (compañía fundada polos principais responsables do éxito actual da franquía Call of Duty) veñen de abrir o rexistro da súa beta para PC e Xbox One, o que permitirá probar varios dos seus modos de xogo en liña a partir do vindeiro día 17. Os interesados en poder gozar do xogo de xeito anticipado (proceso que axudará a configurar axeitadamente os seus servidores e equilibrar o xogo de cara ao seu lanzamento) deben inscribirse antes da unha da madrugada do vindeiro sábado.
Aínda que a beta do xogo non precisa da súa reserva previa (como acontece noutras ocasións) é preciso contar cunha conta de usuario en Origin (a plataforma de xogo en liña de Electronic Arts) para poder participar nesta fase de probas do xogo.
A beta de Titanfall incluirá os modos de xogo Attrition (os equipos gañan eliminando a todos os pilotos, titáns e soldados do bando contrario), Hardpoint Domination (típica misión de capturar a bandeira) e Last Titan Standing (gaña o equipo que conserva algún titán en pé).
A versión para Xbox 360 do xogo carecerá de beta, está a ser desenvolvida por Bluepoint Games e non chegará ao mercado ata o 28 de marzo.


Vídeo promocional da beta de Titanfall

PUBLICIDADE