Ábrese o prazo para presentar proxectos a Galiciencia, a maior feira científica de Galicia

luns, 23 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

Volve Galiciencia, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- en colaboración coa Consellería de Economía e a FECYT desde o ano 2006 e co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A mañá do 23 de xaneiro abriuse o prazo para que os centros se inscriban e presenten os seus proxectos; poderán facelo ata o vindeiro 20 de marzo en www.galiciencia.com. Haberá un límite de 45 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25, e o Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.
Esta 18ª edición terá lugar os días 10, 11 e 12 de maio. A temática elixida é “Aeronáutica e Aeroespacial”, aproveitando que o Parque conta coa Aula Newton Galicia, centrada en introducir aos máis novos no mundo da aviación. Así, na modalidade presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo, e no caso da modalidade online non hai límite.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo, de 500€, permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia en Bilbao. O terceiro recibirá 200€ para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiaranse outras categorías entre as que destaca o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado coa igualdade de xénero. Tamén se galardoará o proxecto coa mellor valoración popular e, ademais, se hai un número considerable de proxectos, premiarase a mellor proposta de FP.
A feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia: o alumnado galego de primaria poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2023. O prazo estará aberto tamén ata o 20 de marzo, enviando un correo cos seus deseños escaneados a galiciencia@tecnopole.gal ou presentando os orixinais na propia recepción do Parque. Tamén haberá un concurso de fotografía a través de Instagram, que remata o 24 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
Por último, o alumnado galego desde 4º de Primaria a Bacharelato poderá participar no Desafío científico Atrévete coa Aeronáutica! inscribíndose antes do 23 de febreiro en atrevete.galiciencia.com.

PUBLICIDADE