Ábrese o prazo de preinscricións para a vindeira edición de XGN R Encounter

martes, 11 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A Feira Internacional Galicia ABANCA acollerá un ano máis o encontro informático antes coñecido como Xuventude Galicia Net, e que agora responde ao nome de XGN R Encounter, respondendo ao feito de que o operador de telecomunicacións R é patrocinador oficial do evento, que tamén conta co apoio da Consellería de Política Social.
As preinscricións ao XGN R Encounter abriranse o mañá ás 10:00 horas, comezando o proceso de reservas o 18 de setembro ás 10:00 horas, cando os inscritos poderán tamén seleccionar os seus postos, facilitando así aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona.
O prezo desta actividade que terá lugar en Silleda entre os días 12 e 14 de outubro será de 35 euros con reserva a través da Internet, sendo posible tamén a adquisición de entradas no despacho de billetes do encontro a un prezo de 40 euros.
O encontro contará cunha zona de intranet para os inscritos, que poderán gozar dun posto, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en torneos exclusivos; así como unha extanet, un completo programa de actividades abertas tamén a visitantes que acudan ao recinto. Tamén haberá un espazo expositivo no que estarán presentes empresas relacionadas co material informático, as TIC e o lecer electrónico.

Vídeo no que resumen a edición de 2017 do encontro

PUBLICIDADE