Ábrese o prazo de inscripción para participar no VeriNet Party

venres, 29 de xuño do 2007 Raquel Noya

Do vindeiro 3 ó 5 de agosto de 2007, o pavillón de deportes de Verín (Ourense) vestirase de gala para acoller a 2ª Edición da VeriNet Party, un encontro informático que se prolongará ó longo de 72 horas seguidas sen interrupción a fin de impulsar o emprego das novas tecnoloxías entre @s moz@s da comarca.
Este encontro, que por segundo ano consecutivo leva a cabo a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Verín, pretende presentar unha alternativa de ocio para tódolos públicos do lugar e alrededores facendo fincapé nas persoas de maior idade, xa que no pasado ano “achegáronse con curiosidade e remataron conectándose cos rapaces”.
Coma en toda Party informática destas características (moi habituais por certo na nosa comunidade), os asistentes han de levar o seu propio equipo para, unha vez incorporado, unirse a distintas plataformas: Demoscene, Linux, Mac, Deseño, Música, Seguridade, Wireless, Arte Dixital, Programación, Modding... e crear un escenario idóneo para intercambiar experiencias, contidos e, se cabe, forzas para aguantar o ritmo.
VeriNet ofrece unha conexión continuada de banda ancha a Internet e entre os asistentes sortearanse multitude de agasallos como ordenadores, pantallas TFT, reprodutores MP3, memorias USB... para os que teñan máis sorte e camisetas oficiais do evento e multitude de gadgets de mercadotecnia para os demais.
Ademais de servir como tranpolín para mozos inquedos que buscan unha oportunidade de traballo no mundo da informática e as novas tecnoloxías, a VeriNet Party servirá sobre todo para divertir ós asistentes e entre outras cousas, non faltarán:

- Concursos de Modding
- Sorteos sorpresa
- Campionatos de xogos (Warcraft, Counter Strike, etc..),
- Concursos de produccións multimedia (gráficos 2D e 3D, animación, fotografía e vídeo dixital, composición musical, net.art)
- Proxeccións de videos multimedia e música
- Espectáculos alternativos, como a Batucada ou un monólogo de humor.
- Charlas, obradoiros, mesas redondas, e conferencias sobre temas de interese e de actualidade, impartidas por destacadas personalidades no sector
Este ano, contarase ademais cunha conferencia sobre robótica e demostracións prácticas do tema, que ó igual que o resto de actividades, poderase seguir a través dunha pantalla xigante.
Para facer a reserva hai que rexistrarse en www.verinet.es. O custe da acreditación será de 18€ e poderán participar os maiores de 16 anos.