Ábrese o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta
luns, 23 de xaneiro do 2017
A AMTEGA abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da
certificación galega de competencias dixitais en ofimática tal e como recolle a
convocatoria
publicada hoxe no DOG, con 180 prazas para o curso de teleformación
preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de xuño.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios
son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e
abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación
impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente
será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a
formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do
seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de
inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina
web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas
deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa notificación a taxa de
10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles
aspirantes que non aboen a citada taxa.
Plan formativo ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas
matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de
Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o
módulo formativo MF0233_2 Ofimática
(190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información:
internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de
datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para
presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento
de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de
cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados
libremente na plataforma de teleformación
da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.
Vindeiras convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano
2017, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada
previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).
Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo
deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro
para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios (ben pola súa
experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras
vías ou que opten pola modalidade autoformativa), até chegar a un número
superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as
capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e
avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de
1.200 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e 2.438 as
persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións
das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede
CeMIT.