Ábrese a reserva do HTC Vive a un prezo de 899 euros

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Durante o Mobile Word Congress de Barcelona anunciáronse as datas de comercialización da solución de realidade virtual de HTC, que parece ser a aposta de futuro da compañía taiwanesa que non consegue manter o seu vello pulo no ámbito móbil, e agora xa sabemos o prezo que terá nos distintos mercados internacionais, que unha vez máis será bastante máis caro en Europa que no outro lado do Atlántico, xa que mentres os norteamericanos poderán facerse cun sistema HTC Vive por 799 dólares (733 euros) en España venderase a 899 euros. Tendo en conta que para que este hardware sexa operativo precisamos dun ordenador que custe como mínimo uns 1.000 euros, estamos a falar dun investimento moi importante para probar unha tecnoloxía que aínda está a dar os seus primeiros pasos no eido comercial.
O HTC Vive véndese como un produto completo, incluíndo os seus controis manuais (algo que inicialmente non fai o seu competidor, Oculus Rift, xa que o accesorio tardará meses en chegar ao emrcado) e, aparte dos xogos Fantastic Contraption e Job Simulator, tamén incluirá, unha interesante ferramenta que permite debuxar en tres dimensións en contornos de realidade virtual, e que recibirán de balde os que reserven o HTC Vive a partires desta mañá. O envío dos sistemas de realidade virtual iniciarán o 5 de abril.

Tilt Brush incluirase de balde nos lotes de HTC Vive adquiridos anticipadamente a partires de hoxe

PUBLICIDADE