Ábrese a reserva das HoloLens 2

venres, 3 de maio do 2019 Marcus Fernández

No Mobile World Congress de Barcelona presentouse a segunda xeración das HoloLens, casco de realidade aumentada de Microsoft que naceu en 2016, e que neste tempo conseguiu dobrar o campo de visión, mellorar o brillo e a densidade holográfica e dar un grande paso adiante ao facilitar a interacción directa cos hologramas mediante xestos táctiles, de xeito que esta tecnoloxía continúa a avanzar paulatinamente cara a un futuro no que a realidade aumentada poida chegar a ser un produto de consumo.
Pero a presentación das HoloLens 2 non supón a súa chegada aos desenvolvedores, e non foi até esta semana que abriuse a reserva deste hardware, a un prezo de 3.500 dólares, que nesta ocasión poderán pagarse en mensualidades, co que buscan animar a máis estudios de desenvolvemento a experimentar con esta tecnoloxía con grande potencial. Polo momento só aceptan reservas dende EE.UU., Francia, Alemaña, Irlanda, Nova Zelandia, Australia e Reino Unido, polo que dende España haberá que agardar uns meses para poder facerse con unidades deste casco que facilitará interesantes desenvolvementos.
A edición de desenvolvemento de HoloLens 2 incluirá tamén probas de balde de software de Unity e 500 dólares de crédito en servizos na nube de Azure, quedando clara a intención de querer achegar este hardware ao maior número de estudios posible.

As HoloLens 2 chegarán en breve aos desenvolvedores dun grupo limitado de países

PUBLICIDADE