Ábrese a reserva das 3 edicións do xogo Star Wars: The Old Republic
xoves, 28 de xullo do 2011
Electronic
Arts desvelou que o xogo de rol en liña Star Wars: The Old Republic
vai contar con 3 edicións (a Standard Edition, a Digital Deluxe Edition e a
Collector’s Edition) que xa poden
reservarse, o que parece estar a facerse de xeito masivo, superando
as expectativas de EA Games (pois incluso sobrepasou ao agardado Battlefield 3).
Actualmente hai milleiros de usuarios participando na fase de proba do xogo, e
a reserva do título final permitirá un acceso ao mesmo antes do lanzamento
oficial, á vez que distintos contidos adicionais. No caso da edición Standard, que xa pode reservarse en España por
9,95 euros (que descontaranse do prezo do xogo final) ou por 5 euros (se
optamos pola edición en descarga do xogo, que custará 54,99 euros), o único
contido adicional que conseguiremos será unha pedra de cor (para poder mudar a
cor da nosa espada de luz), mentres que a Digital
Deluxe Edition (dispoñible só en descarga por 74,99 euros) incluirá tamén
unha pistola de bengalas, un droide de adestramento, unha bailarina
holográfica, unha cámara holográfica e un vehículo persoal coñecido como STAP.
- A edición para coleccionistas do xogo parece bastante completa, o que agradecerán os seareiros da saga creada por George Lucas
A Collector’s Edition si promete ser
todo un luxo (que non sairá barato, pois o seu prezo será de 149,95 euros) e
aparte dos mencionados contidos descargables (aos que habería que engadir un
droide rato e tenda) tamén incluirá complementos físicos: unha estatua de Darth
Malgus, o diario do mestre jedi
Gnost-Dural, a banda sonora de The Old
Republic en CD, unha chave de seguridade e un mapa da galaxia do xogo.
Todas as versións do xogo incluirán 30 días de acceso ao mesmo, e promete ser
todo un éxito, asegurando os seus responsables que está deseñado pensando en
manter o seu universo virtual vivo durante varios anos, o que debería de ser
unha garantía para os amantes deste tipo de xogos masivos en liña.