Ábrese a inscrición para o II Campamento Kamikaze

xoves, 14 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A sala Monty Ambigú acolleu onte a proxección de tres capítulos da webserie Dinosaurio, nacida no festival de contidos audiovisuais Carballo Interplay durante a celebración da primeira edición do Campamento Kamikaze, que durante 3 días de convivencia e creatividade serviu para que os participantes encarasen o reto de idear, gravar e producir estas pezas audiovisuais que tiñan que ter en común un elemento narrativo: a exploración do mundo tras un apagamento universal da Internet.
Dinosaurio contou coa participación de máis de 20 novos creadores que contaron coa axuda de profesionais deste ámbito como David Sainz, Teresa Segura, Enrique Lojo, Lucía C. Pan, Jorge Boquete, Óscar Cruz, Anxos Fazáns e Silvia Fuentes.
A proxección desta serie web serviu para celebrar que xa é finalista dos Premios Mestre Mateo, aproveitando a ocasión a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, para presentar a II Edición do Campamento Kamikaze. Moitos dos participantes na primeira edición tamén animaron aos presentes a inscribirse na vindeira edición desta iniciativa que consideraron moi enriquecedora, tanto a nivel formativo como para tecer contactos con outras persoas do sector coas que poder colaborar no futuro.
Sonia Méndez aproveito a súa intervención para presentar aos monitores da II Edición do Campamento Kamikaze, que serán Andrés Goteira, Suso López, Nati Juncal, Sandra Sánchez, Lucía Estévez, Dani Viqueira e Daniel D. García. O novo Campamento Kamikaze manterá a mesma estrutura que o anterior, e desenvolverase entre os días 1 e 3 de abril en Carballo, contando cun total de 24 prazas e estando xa aberta a súa inscrición. A actividade terá un custo de 150 euros nos que inclúen aloxamento en habitacións compartidas e pensión completa.

Sonia Méndez foi a encargada de desvelar os nomes dos monitores do II Campamento Kamikaze
Os participantes o primeiro Campamento Kamikaze animan a inscribirse na seguinte edición

Vídeo de presentación dos novos monitores do Campamento Kamikaze