Ábrense as reservas do iPhone X
venres, 27 de outubro do 2017
Esta mañá abriuse a reserva do
iPhone X na tenda en liña de Apple e en numerosos establecementos
comerciais de toda España, de xeito que os máis afortunados poderán facerse cun
destes novos smartphones o venres que vén, aínda que a meirande parte de
usuarios terán que esperar máis dun mes para recibilo, xa que o número de
unidades producidas non chega para satisfacer a demanda inicial, de xeito que
conseguir un destes teléfonos antes de que remate o ano non parece que sexa doado,
de xeito que o seu elevado prezo non está a mitigar a situación.
O novo teléfono pode adquirise en dous acabados (con traseira en cor prata ou
gris espacial) e en dúas capacidades (64 e 256 GB) con prezos de 1.159 e 1.329
euros respectivamente, o que está a ter como consecuencia que os modelos máis
asumibles sexan os primeiros en esgotar unidades de reserva en varias cadeas
comerciais. Amais, aínda que nos primeiros minutos (a reserva abriuse ás 9:01
horas) xa de indicaba que os teléfonos poderían non chegar aos compradores até
dentro de 4-5 semanas, pero un par de horas despois xa se indica que o prazo de
espera podería ser de 5-6 semanas, constatando os problemas de subministro dos
que se viñan falando nas anteriores semanas.
Temos que lembrar o iPhone X é o redeseño dos smartphones de Apple máis
drástico dos últimos 10 anos, xa que por primeira vez prescíndese dun elemento
tan icónico como o botón de inicio redondo na parte frontal, que desta volta
está ocupada por unha pantalla Super Retina de 5,8 polgadas que case non
presenta marcos, de xeito que convértese na grande protagonista do novo
dispositivo que tamén prescinde do lector de pegadas dixitais para apostar polo
recoñecemento facial, é resistente á auga e ao po e integra cámaras de grande
calidade que tiran proveito do procesador A11 Bionic para conseguir grandes
efectos e incluso posibilita a gravación de vídeo Full HD en cámara lenta a 240
imaxes por segundo. Tampouco lle faltan elementos como a carga sen fíos e Apple
Pay, converténdose no que posiblemente sexa o deseño de referencia para os
iPhone do futuro, que para moitos chama a atención por ser o de maior pantalla
do catálogo de Apple mentres que as súas dimensións quedan nun punto intermedio
entre o iPhone 8 e o 8 Plus.