Ábrense as reservas de Umbrella Corps para PC e PS4

mércores, 25 de maio do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 21 de xuño chegará ás tendas o xogo Umbrella Corps, un shooter en terceira persoa ambientado no universo de Resident Evil, que pese a ser un título moi afastado do que desexan os seareiros máis fieis da franquía, parece que vai dar bastante de si pese a ser un título menor, que non busca en ningún momento competir coas grandes superproducións como denota o feito de que se desenvolvese en Unity e teña un prezo de lanzamento de só 29,99 euros tanto na súa versión para PC como na de PlayStation 4, ou sexa, que custaría a metade do que un xogo normal.
Este novo título estará orientado claramente ao xogo competitivo en liña, con partidas rápidas e intensas, que beben da ambientación de outras entregas da franquía, pero fuxindo do xénero survival para centrarse na acción, e do que Capcom vén de dar novos detalles como a confirmación de 2 mapas adicionais así como de detalles sobre un paquete de actualización (que incluirá numeroso contido adicional).
Os mapas que chegarán aos modos multi-xogador de Umbrella Corps, así como para o modo para un xogador chamado The Experiment, serán Raccoon City (coas rúas da cidade convertidas en todo un territorio de guerra) e a Estación de Policía (outros dos clásicos escenarios da saga).
Sobre os contidos adicionais que chegarán ao xogo, cómpre destacar que a partires de hoxe pode reservarse o xogo en formato dixital nunha versión ordinaria que custa 29,99 euros e, por 10 euros adicionais, está tamén dispoñible unha versión de luxo que inclúe un paquete de personalización de armas e equipamento chamado Fashion Victim, variacións para permitir converter o noso avatar en personaxes clásicos de Resident Evil e outros contidos adicionais como armas, parches, emoticonas... ou sexa, unha versión máis completa do xogo á que poderán acceder os que confíen no éxito de Umbrella Corps e queiran gozar da mellor experiencia posible dende o día de lanzamento do xogo.

Vídeo no que podemos ver os mapas de Umbrella Corps que hoxe anunciou Capcom

PUBLICIDADE