Ábrense as reservas da Xbox One X

mércores, 20 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A edición limitada coa que botaron a andar as reservas da Xbox One X superou todas as previsións de Microsoft, esgotándose as unidades dispoñibles en poucas horas a nivel mundial, e aínda que a consola non verá a luz até o 7 de novembro os entusiastas que queiran gozar da mesma dende o primeiro día xa poden reservala na tenda en liña de Microsoft ou a través de numerosas canles de vendas a un prezo de 499,99 euros, aínda que desta volta sen a serigrafía que identifica á Edición Project Scorpio e sen o soporte para manter a consola en vertical (que na edición limitada incluíase sen custo adicional).
Resulta impresionante ver como a que até o momento o público vía como a PS4 Pro de Microsoft está a ter unha resposta moi superior por parte do público, que ve na Xbox One X a posibilidade máis económica do mercado de gozar de grandes xogos en ultra alta definición nativa, podendo aproveitar de paso a máquina para a reprodución de películas en 4K HDR.
A que sen dúbida é a consola máis potente da historia tamén está a contar cun grande apoio da industria, e Microsoft vén de confirmar que a listaxe de xogos optimizados para esta máquina xa superan os 130, como podemos consultar nunha listaxe actualizada na páxina web de Xbox, onde se recollen os xogos mellorados para Xbox One X.
Sobra dicir que a práctica totalidade dos novos lanzamentos están desenvolvidos tendo en conta a Xbox One X, pero o feito de que haxa bastantes títulos dos últimos meses que reciban un lavado de cara para poder aproveitar a potencia da nova consola resulta moi atractivo de cara aos primeiros meses de vida da mesma.
De feito, xa comezan a xurdir comparativas nas que podemos ver xogos como Rise of the Tomb Raider para PS4 Pro e Xbox One X, recibindo esta última versión unhas melloras gráficas máis que notables, que van dende os efectos de iluminación ate texturas máis detalladas.

PUBLICIDADE