Abren as reservas das vindeiras Xbox

luns, 21 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Despois de que as primeiras unidades de PlayStation 5 abrisen as súas reservas en múltiples cadeas comerciais dun xeito bastante caótico (levando incluso a Sony a pedir perdón polo acontecido e asegurar que haberá novas oportunidades para reservar as súas novas consolas) dende Microsoft quixeron ser máis prudentes e anuncian que as reservas da Xbox Series X, a consola máis potente da historia, e a Xbox Series S, a consola máis compacta e económica da nova xeración, abrirán as súas reservas mañá mesmo a prezos de 499,99 euros e 299,99 euros respectivamente, tendo que agardarse ao 10 de novembro para que estas máquinas cheguen ás tendas.
Aínda que semella claro que os usuarios que busquen a mellor versión dos xogos multiplataforma de cara á nova xeración irán de cabeza a pola Xbox Series X, xa que estamos ante unha máquina cunha potencia sen igual no mundo das consolas, que goza das vantaxes dun completo catálogo de fondo grazas á retrocompatibilidade con todas as xeracións de Xbox; existe unha grande curiosidade por ver como funcionan as reservas da Xbox Series S, que destaca por ser a consola máis económica da nova xeración, así como por non contar con lector de disco, polo que parece evidente que está orientada a subscritores de Xbox Game Pass, o que é unha proposta moi interesante, xa que leva a ver as consolas de videoxogos como un servizo de subscrición, o que pode convencer a moitos xogadores non intensivos, que simplemente buscan unha consola doméstica para os momentos de lecer.
Entre as tendas nas que será posible efectuar a reserva estarán a Microsoft Store, Amazon, MediaMarkt, Fnac e GAME.

PUBLICIDADE