Abre as súas portas o Mobile World Congress de Barcelona

luns, 28 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Pese á situación sanitaria global a organización do Mobile World Congress, evento tecnolóxico que foi o primeiro en cancelarse o ano pasado por mor da pandemia, decidiu que non podían estar un ano máis sen a súa cita, e optaron por mudar a súa data de febreiro a xuño para poder celebrala en condicións máis seguras nun formato híbrido, no que serán moi poucas as actividades presenciais.
Chegamos así a unha apertura de portas con moi pouco impacto, xa que este ano o Mobile World Congress de Barcelona ocupará menos espazo (3 pavillóns fronte aos 8 de 2019) e recibirá a menos público, e non contará coa presenza física de marcas como Vodafone, Ericsson, Qualcomm, Lenovo, Samsung, Sony, Nokia ou Xiaomi. Curiosamente algunha destas marcas son das poucas que reservaron algunha presentación de produtos para estes días, como un xeito de amosar o seu apoio ao evento, polo que podemos entender que en 2022 o MWC recuperará o seu pulo habitual.
Para poder acudir á feira presencial hai que cumprir cun protocolo de seguridade que inclúe a realización de tests de antíxenos ou de probas PCR previas cuxo resultado haberá que subir á aplicación móbil do evento e haberá que levar en todo momento máscaras FFP2 (sen válvula), así como tamén recomendan minimizar o contacto interpersoal para reducir os riscos ao máximo.

PUBLICIDADE