Abre as súas portas en Pontevedra o VII Congreso de Marketing Fluor
xoves, 15 de maio do 2025
Pontevedra acolle esta semana a celebración da nova entrega, a sétima, do Congreso de Marketing Fluor, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia. Serán dous días (xoves e vernes) de conferencias e mesas redondas con máis de 20 profesionais sobre negocio dixital, publicidade dixital, branding e redes sociais, obradoiros de diferentes temáticas, mesas redondas, relatorios e moito traballo en rede.
A cita foi inaugurada este xoves a primeira hora en Afundación. A apertura das actividades contou coa presenza (entre outras/os) do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen sinalou que neste foro “teremos auténticos artistas da narrativa contemporánea, xa que non podemos esquecer que vivimos tempos nos que as historias se contan en podcast, códigos QR ou experiencias inmersivas”, e destacou a vinculación que esta cuestión terá coa Bienal de Pontevedra, “na que pretendemos explorar novos formatos para conectar coa cidadanía desde a emoción e a reflexión”.
Nas dúas xornadas de congreso contarase coa presenza no programa de relatores de primeira liña no sector, como Laureano Turienzo, presidente e fundador da Asociación Española do Retail e do Círculo Iberoamericano do Retail, Xisela López, directora creativa executiva en Sra. Rushmore, Jorge Sandua, creativo en Putos Modernos, e María Canal, directora de mercadotecnia en ElPulpo.