Aberto o prazo para votar en liña polas candidaturas aos Premios INNOVA-G

mércores, 28 de setembro do 2011 Raquel Noya

Algúns dos gañadores dos premios INNOVA-G na súa edición de 2010A Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, que recentemente convocou a segunda edición dos seus Premios INNOVA-G para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e dos emprendedores do país con maior proxección, abriu onte o prazo para comezar a votar en liña polas candidaturas que máis nos convencen, das que sairán os premios dos internautas para cada categoría.
A organización do concurso, que recomenda visitar cada unha das candidaturas presentadas na web oficial (un total de 91), permite votar abertamente sen necesidade de rexistrarnos previamente, e agradece a participación da comunidade internauta para escoller aquelas tecnoloxías, produtos, servizos ou contidos dixitais máis orixinais e con máis proxección empresarial.
O prazo para realizar as votacións estará aberto ata o vindeiro 10 de outubro ás 12:00 horas, e para facelo basta con entrar na web do concurso e “pinchar” na sección Votacións; alí atópanse tódalas empresas, star-ups ou iniciativas galegas que se rexistraron nesta edición, e con só premer enriba da que desexemos, o voto será validado polo sistema.
O vindeiro 11 de Outubro de 2011, daranse a coñecer aos premiados de cada categoría a través da web oficial, onde se achegarán os Premios do Xurado e os Premios concedidos polos internatutas.
Este ano, segundo afirman, “todas e cada unha das candidaturas son dun gran nivel, co que é unha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible ou emprendedores tecnolóxicos cunhas cualidades exemplares”, engaden os responsables do evento.
A entrega dos premios realizarase o vindeiro 14 de Outubro de 2011 en Santiago de Compostela, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, onde se recibirá convenientemente ás persoas asistentes e se convidará ás mesmas a un viño, uns pinchos e unha sesión de networking na que entrar en contacto cos verdadeiros protagonistas: os candidatos e candidatas da edición 2011.

PUBLICIDADE