Aberto o prazo para incorporar dúas ducias de novos centros educativos a Biblioteca Creativa

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

A Xunta vén de publicar no Portal Educativo a convocatoria para incorporar 25 novos centros ao programa Biblioteca Creativa, destinado a estimular a investigación nestes espazos (poñendo o foco na alfabetización informacional do alumnado ou promovendo o uso creativo das novas tecnoloxías como ferramentas interdisciplinares de ensino). A Consellería de Cultura e Educación lembra que no pasado curso 2020/2021 participaron nesta iniciativa un total de 102 colexios e institutos de toda Galicia, que poderán solicitar continuar no programa.
No caso concreto de Biblioteca Creativa, o programa supón a dotación, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimularase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Segundo engade a Consellería, tamén se busca “ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado”.
Dotación de recursos
Poderán participar nesta iniciativa os centros públicos de Infantil e Primaria integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) en cursos anteriores ao actual. Os que sexan seleccionados recibirán unha asignación económica destinada á dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca escolar, cos materiais necesarios para a posta en marcha da iniciativa.
Amais, 102 centros que xa forman parte de Biblioteca Creativa poderán solicitar a súa renovación no programa.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 29 de outubro. Os centros interesados poderán facelo mediante un formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia, a través da persoa responsábel da dirección do centro.

PUBLICIDADE