Aberto o prazo de inscrición en cinco cursos de informática de Ribeira

luns, 4 de novembro do 2019 Redacción

O Concello de Ribeira vén de abrir as inscricións para a celebración de diversos cursos de informática para adultos nas distintas parroquias do municipio, dispoñendo a cidadanía de cinco opcións formativas para tirar proveito doutras tantas vertentes tecnolóxicas: Iniciación á informática, cunha duración de 15 horas; Iniciación Libre Office, de 15 horas; Retoque fotográfico, de 15 horas; Iniciación ao teléfono móbil, de 6 horas; e Sede electrónica, de 6 horas.
Segundo informa o Concello de Ribeira, as accións formativas (para materializarse e desenvolverse finalmente) deberán contar cun mínimo de cinco persoas inscritas, establecéndose o máximo en oito. Unha vez acadada esa cifra requirida, concretaranse tanto as datas coma o curso a impartir entre as cinco alternativas existentes en función da demanda. As persoas interesadas poden anotarse na aula CeMIT de Ribeira, con teléfono 981876043. Estas accións están promovidas pola Concellería de Innovación Tecnolóxica que dirixe Ana Barreiro, contando coa colaboración da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE