Aberto o prazo de inscrición do VIII Scratch Day do CPETIG
venres, 22 de setembro do 2023
O
Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) abre o
período de inscrición para o seu programa de fomento das vocacións
científico-tecnolóxicas entre a mocidade: o Scratch Day. A
xornada celebrará este ano a súa oitava edición, sendo este un dos
contidos máis destacados dentro do marco de colaboración que o ente
colexial mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA), e que está deseñado para achegar á rapazada,
pero tamén ás nais, aos pais e ao profesorado, ás novas
tecnoloxías, á linguaxe de programación e á informática.
O
Scratch Day 2023 estará centrado na temática da gamificación
e do entorno dos videoxogos. Os tres públicos obxectivos aos que se
dirixe esta actividade lúdico-formativa son: nenos e nenas de idades
comprendidas entre os 6 e os 16 anos; os seus pais, nais ou titores,
e a comunidade de profesores, formadores e directores de centros de
ensino interesados en aplicar a tecnoloxía e a linguaxe Scratch nas
súas aulas. Esta formación teórico-práctica desenvolverase o
vindeiro sábado 7 de outubro en formato intensivo de 9:00 a 14:00
horas no salón de convencións do edificio CINC da Cidade da Cultura
de Santiago de Compostela.
O
programa da actividade para as familias inclúe unha primeira
aproximación ao entorno Scratch, cunha parte didáctica de como
mover, lanzar e interactuar con obxectos para programar un videoxogo
básico. Ademais, traballaranse as interaccións a través da cámara
e do son e a linguaxe de programación con Microbit permitirá
empregar a radio e o control remoto entre dispositivos.
As
nenas e nenos participantes crearán o xogo do número segredo, xogos
de scroll, un dado dixital, unha busca do tesouro e un
videoxogo con LEDs.
No
módulo específico para profesores e formadores, traballaranse
obxectos, escenarios e bloques de programación, así como o
movemento, a animación e a interacción entre eses obxectos. Por
último, haberá tempo para o desenvolvemento dun videoxogo básico.
A maiores, segundo informou o CPETIG, habilitarase a creación de
unidades didácticas para contido curricular e abordarase un traballo
transversal con Scratch e Microbit.
“Unha
das grandes novidades desta edición será a presentación dun caso
de éxito no uso de tarxetas Microbit nun colexio, que aplicou esta
tecnoloxía a un proxecto para implantar un sistema de rego no
centro”, explica o CPETIG, engadindo que o programa está enmarcado
dentro das áreas STEM (polas súas siglas en inglés de Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e conta cunha importante
experiencia entre a comunidade escolar galega nas edicións
preferentes, collendo o relevo dentro do calendario de actividades do
CPETIG do programa #GirlSteam, que percorreu 15 concellos de Galicia
para amosar o uso das novas tecnoloxías do stop motion e dos tecidos
intelixentes entre a mocidade.
O
período de inscricións para a oitava edición do Scratch Day do
CPETIG xa está aberto vía web.
Haberá un total de 30 prazas para as nenas e nenos, que estarán
acompañados nesta actividade conxunta por un familiar adulto e
outras 15 para o profesorado que queira recibir formación sobre este
entorno para poder aplicar na docencia.