Aberto dende hoxe o prazo de inscrición para Curtocircuito 07

luns, 2 de abril do 2007 Raquel Noya

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela Curtocircuito, está a piques de comezar a súa andaina (na sección oficial) por cuarto ano consecutivo. Dende hoxe e até o vindeiro 30 de Xuño, a sección oficial Compostela Curtocircuito, estará aberta a curtametraxistas de todo o mundo que desexen participar enviando as súas curtas (de non máis de 25 minutos) ou micromovies (de ata 30 segundos) que poden ser realizadas con calquera ferramenta ou tecnoloxía audiovisual. Nesta edición, o concurso presenta grandes novidades como o Premio á mellor Curtametraxe Galega e a inscrición en liña a través da páxina Short Film Depot, aínda que sen dúbida a gran novidade por excelencia que presenta este ano Curtocircuíto 07, é o incremento da contía dos premios (para satisfacción dos participantes), que quedarán da seguinte maneira:
- A Mellor Curtametraxe de Ficción e a Mellor Curtametraxe de Animación recibirán 3.600 €.
- A Mellor Curtametraxe Documental e Mellor Curtametraxe de Videocreación recibirán 3.000 €.
- A Mellor Curtametraxe Galega recibirá un premio de 1.500 €.
- O Premio Anacos á Mellor Micromovie, galardoarase con 2.000 €.
Coma tódolos anos, de entre os traballos recibidos, un Comité de Selección escollerá algúns para proxectalos nas rúas e prazas da zona monumental compostelá ó longo dos meses de xullo e agosto, dentro da sección Curtocircuíto na Rúa; os asistentes a estas proxeccións poderán votar a súa curta favorita e outorgar o Premio do Público, dotado con 1.500 € máis un trofeo (mailo mérito de ser o que máis gusta na Capital).
Tódalas curtas enviadas a concurso, participarán automaticamente no II Mercado Internacional de Curtametraxes, outra das seccións de Curtocircuíto que terá lugar do 18 ó 20 de Outubro e no que teñen cabida todas aquelas obras que excedan a duración permitida ou que non chegaron a tempo para a sección oficial. O prazo de inscrición deste Mercado remata o vindeiro 12 de setembro de 2007 e nel poden participar películas de ata 59 minutos de duración.

PUBLICIDADE